29 feb 2012

CIRCULAR FEBREIRO: NOVAS EN ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES


            Pola presente COMUNÍCASE  a todas as nais/pais varias novas referentes ás actividades extraescolares:
1. PISCINA. O prazo de renovación de prazas para o 3º trimestre estará aberto  ata o 11 de marzo.
2. INICIACIÓN Á MÚSICA. Dende o pasado mes  esta actividade estase a desenvolver na Casa de Cultura, os xoves de 19 a 20 horas.
3. PATINAXE  e ATLETISMO. Este próximo venres, día 2 de marzo, o monitor non poderá asistir a clase polo que se suspenden estas actividades.

CAMPAMENTOS DE VERÁN NA LANZADA da DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.
O prazo para a solicitude de prazas para nenos e nenas nacidos entre 1999 e 2004  estará aberto entre o 1 e o 30 de marzo. Máis información no noso blog ou en www.depo.es


*** Recordámoslle a todos os pais e nais que nos poden contactar a través do noso correo electrónico anpariomaior@gmail.com, se aínda non lles chega a información a través do e-mail, pregamos nos envíen o seu enderezo electrónico para sumalo á nosa base de contactos. Tamén poden informarse de propostas culturais, deportivas, e outras novas de interese para as familias  no blog http://anpariomaior.blogspot.com/


Riomaior, 29 de febreiro de 2012
                                                            Pola A.N.P.A.

FAMILIAS do C.E.P. de RIOMAIOR.
VILABOA

CAMPAMENTOS A LANZADA 2012

 
Bases
SOLICITUDES
  • Participantes
    Rapaces que teñan o seu domicilio habitual no concello no que solicita a praza (certificado de empadroamento) nacidos entre os anos 1999 e 2004, ambos incluídos.
Quedarán excluídos os menores sen capacidade para desenvolver as necesidades básicas diarias así como os nenos con doenzas ou minusvalías que teñan contraindicada a súa asistencia ó campamento e o desenvolvemento normal das actividades.
  • Impresos
    Solicitude e folla de inscrición
  • Normas para cubrir os impresos
    Cada neno cubrirá unha solicitude elixindo, por orde de prioridade, as quendas (da 1ª a 11ª).
Os datos do solicitante serán os do neno que opta a participar no campamento.
As solicitudes asinaranas os pais/nais ou titores dos nenos.
  • Lugar de presentación das solicitudes e da documentación
    As solicitudes presentaranse nos concellos colaboradores, na oficina de Información ó Cidadán da Deputación de Pontevedra ou no Centro Príncipe Felipe (oficinas).
Os que presenten a súa solicitude a través do procedemento do portelo único dos concellos ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberán remitir, unha vez rexistrada, unha copia por fax ó número 986 804 138.
Non se admitirán as solicitudes presentadas unicamente por fax.
  • Prazos
    Presentación de solicitudes: do 1 ó 30 de marzo.
Sorteo e publicación das listaxes de admitidos: do 23 ó 27 de abril.
Comunicarase o resultado dos participantes seleccionados por teléfono (desde o Concello ou a Deputación) ou por correo electrónico.
Prazo de presentación do pagamento: do 14 ó 21 de maio.
Chamada ós participantes en lista de espera: do 4 ó 8 de xuño.
ADXUDICACIÓNS
Cobertura das prazas
As prazas cubriranse mediante sorteo nas distintas quendas, asígnanse 100 prazas para nenos e outras 100 para nenas. De non existir cota suficiente para cubrilas farase a través de múltiplos de cinco, por exemplo: 90/110, 95/105…
Daráselles prioridade no sorteo ós participantes que NON obtiveron praza na campaña de verán do ano pasado e teranse en conta os solicitantes que sexan irmáns.
Reservaranse 30 prazas para os nenos do Centro Príncipe Felipe, prazas repartidas nas once quendas de campamentos. Destas prazas as que se non se cobren entrarán no sorteo.
Lista de espera
As vacantes que se produzan por renuncia da praza ofreceránselles ós solicitantes que figuren nas listas de espera correspondentes de cada concello e quenda. Teranse en conta os irmáns para a mesma quenda sempre e cando haxa vacantes suficientes; do contrario, chamaríanse para a seguinte quenda solicitada.
As renuncias non se incluirán na lista de espera. Contactarase cos suplentes por teléfono ou correo electrónico desde a Deputación. Unha vez aceptada a praza presentarán o pagamento nun prazo de 48 horas. En caso contrario a praza será ofertada ó seguinte da lista de espera.
DOCUMENTACIÓN PARA PRESENTAR
  • Fotocopia do DNI do pai/nai ou titor
  • Fotocopia do DNI do solicitante, de non o ter, libro de familia
  • Fotocopia da tarxeta sanitaria do menor ou do seguro médico privado
  • Certificado de empadroamento
DEVOLUCIÓN DE COTAS
Para ter dereito á devolución é necesario comunicar a renuncia á praza por escrito mediante un modelo normalizado polo menos 20 días naturais antes do inicio da quenda (excepto por motivos médicos). Aquelas solicitudes de devolución de cotas que non se presenten tal e como se reflicte anteriormente serán denegadas, independentemente da causa xustificativa que se alegue. Motivos de devolución:
  • Enfermidade, accidente, …., co correspondente xustificante médico
  • Admisión noutra actividade nas mesmas datas, xuntando o pagamento
INCORPORACIÓN ÓS CAMPAMENTOS
A incorporación ó campamento será por conta do interesado o día de inicio da quenda correspondente, entre as 10:00 e as 11:00 horas.
No suposto de que o participante abandone a actividade ou sexa expulsado será responsabilidade dos pais ou titores legais trasladalo de regreso ó seu domicilio, así como os gastos ocasionados.
OBRIGAS DOS ADXUDICATARIOS
  1. Incorporarse ó campamento e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
  2. Non abandonar a actividade sen o permiso do seu responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a presenza dos pais ou titores e será responsabilidade destes o traslado ó seu domicilio, así como os gastos ocasionados.
  3. Respectar as normas establecidas polos equipos de animación.
  4. A praza é intransferible.
SORTEO
  1. Cota por concellos.
    Prazas asignadas a cada concello en proporción da súa poboación (Datos obtidos do INE, censo do ano 2010).
  2. Trinta prazas reservadas para os nenos do Centro Príncipe Felipe na primeira quenda.
  3. Prioridade no sorteo para aqueles participantes que NON obtiveron unha praza na campaña de verán do ano pasado.
    Os que obtiveron unha praza e renunciaron non terán prioridade.
  4. Teranse en conta os solicitantes que sexan irmáns (non se terá en conta outro tipo de familiares nin amigos).
  5. Sorteo por quendas.

24 feb 2012

26 de febreiro:“Vai de roteiros!” pola enseada de San Simón

PDF Imprimir Correo-e
gav.jpg
Verdegaia organizará o vindeiro domingo 26 de febreiro un novo roteiro encadrado no programa de roteiros de Verdegaia Vai de roteiros!, desta volta pola enseada de San Simón.
Sairemos ás 10:00 h. da estación de tren de Arcade, Soutomaior.

O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.
 
Así, cada terceira fin de semán do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.
 
Desta volta será o núcleo comarcal de Verdegaia-Vigo quen se encargará de organizar o roteiro que sairá da estación de trens de Arcade ás 10:00 h. Pódese empregar o tren -un medio de transporte sostible- para desplazarnos dende Vigo e Pontevedra até Arcade.
 
O itinerario previsto é o seguinte: estación de trens de Arcade, río Verdugo, Pontesampaio, illa do Castelo, illas Alvedosas, muíño de marea de Paredes, saíñas do Ulló, punta dos Caralletes, campos de Larache e volta á estación de Arcade.
 
O percorrido é de dificultade baixa e realizarase a pe coa axuda dun guía especializado da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos (biolóxicos, etnográficos,...) da enseada ó longo da xornada en diferentes paradas explicativas.
 
O roteiro durará todo o día coa súa finalización estimada ás 17 h. e cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.
 
A enseada de San Simón está situada nos concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Pontevedra e pertence á Rede Europea de Espazos Naturais Rede Natura 2000 dende o ano 2001 cun espazo protexido de 2.252 Ha. Este espazo natural alberga cinco Hábitats de interese comunitario para a Unión Europea:
1) Chairas lamacentas ou areosas que non están cubertas de auga cando hai marea baixa.
2) Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas.
3) Pasteiros de Spartina.
4) Pasteiros salinos atlánticos.
5) Bosques aluviais de amieiros. Un destes cinco hábitats -o composto por Bosques aluviais de amieiros- é, ademais, un Hábitat prioritario para a Unión Europea e constitúe un dos tres bosques de amieiros máis grandes de Galicia.
 
Ademais, a enseada de San Simón é unha importantísima zona de invernada para un elevado número de aves acuáticas entre as que salientan o lavanco (Anas platyrhynchos) ou o pato asubión (Anas penelope) que contan con máis dun milleiro de aves cada unha invernando ano tras ano neste espazo natural. Ademais, esta zona húmida alberga outras interesantes especies de aves como a garza cincenta (Ardea cinerea), a garzota (Egretta garzetta), o bilurico bailón (Actitis hypoleucos), o bilurico pativerde (Tringa nebularia), diferentes especies de mazaricos, o picapeixe (Alcedo atthis) e un longo etcétera de aves acuáticas que atopan un lugar onde alimentarse e descansar neste espazo natural. Salientan tamén dúas especies de animais de interese comunitario para a Unión Europea que son o sapiño pinto (Discoglossus galganoi) e o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).
 
A nivel botánico salientan as pradeiras submariñas de ceba (Zostera marina e Z. noltii) que conforman os cebais, superficies cubertas de plantas submariñas que cumpren importantísimas funcións no ecositema como a de servir de agocho de moitos peixes como o famoso cabaliño de mar (Hippocampus sp.) ou a de ser sustento de gran número de parrulos.
 
A nivel económico, a enseada cumpre unha importante función xa que alberga importantes bancos marisqueiros e de pesca que son aproveitados pol@s numeros@s mariscadores/as e pescadores da zona. E a nivel etnográfico salienta o muíño de marea de Paredes, as saíñas de Ulló ou a Ponte medieval de Pontesampaio.
 
Entre as desfeitas que padece este valioso espazo natural salientan a contaminación por chumbo xerada pola fábrica de porcelanas Pontesa durante décadas, os entullos e verquidos, a contaminación por augas residuais de diferentes puntos do interior da ría de Vigo, a construcción de infraestruturas como recheos e portos deportivos nalgunhas ocasións totalmente ilegais ou as edificacións ilegais.
 
Para máis información: Diego R. Vieites (670 784 919), Secretario Xeral e responsable da Área de Biodiversidade e Territorio de Verdegaia.

20 feb 2012

Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra)

Aínda que está moi perto de nos, e foi inaugurado o pasado verán, pensamos que segue a ser moi pouco coñecido e que paga a pena facerlle unha visita aproveitando o bo tempo:

17 feb 2012

Boletin semanal 13/02/2012 da Dirección Xeral de Xuventude. Xunta de Galicia

Accede ao Boletín en pdf

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2012.

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2012.

Artigo 1. Obxecto.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas cales se rexerá a concesión da prestación familiar por fillo/a menor de tres anos así como a convocatoria destas axudas para o presente ano 2012.
Artigo 2. Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillos/as menores de tres anos en 1 de xaneiro de 2012 (nacidos entre o 2.1.2009 e o 1.1.2012, inclusive) e que, durante o ano 2010, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.

16 feb 2012

12+1 Salón do Libro Infantil e Xuvenil en Pontevedra

Do 4 ao 31 de marzo de 2012

Do 4 ao 31 de marzo de 2012, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Este proxecto cultural que comezou a andar no ano 2000, constitúe unha das pezas máis prezadas da programación anual do Concello de Pontevedra. O Salón do Libro segue a ser un espazo marabilloso, creado grazas a implicación de moitas persoas que, coma vós, adicades parte do voso tempo a que esta sexa unha realidade que poder amosar orgullosos e orgullosas á cidadanía en xeral e aos nenos e nenas en particular.

O tema deste ano é 12 + 1

O Salón indagará nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.
A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números:12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletoss: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trébol de 4 follas, botar o sal por enriba das costas, fregar o chepón dun concorvado... coa presenza de seres sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os gatos. Se son negros, mellor que mellor!

Autor homenaxeado

O autor homenaxeado de 2012 é Paco Martín, escritor e mestre nado en Lugo en 1940 e cunha grande traxectoria de publicacións e premios. O seu primeiro libro, Muxicas no espello, apareceu en 1971. Publicou despois as novelas No cadeixo (1976) e E agora cun ceo de lama (1981) e o volume de relatos Dende a muralla (1990), obras todas elas obxecto de excelente acollida pola crítica. Mención aparte merece a súa contribución á literatura infantil e xuvenil, na que fixo acreedor do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co libro Das cousas de Ramón Lamote e á que aportou libros como Lembranza nova de vellos mesteres (1988). Con Historias para ler á noite (1992) acadou dos seus maiores éxitos.
Está a piques de comezar o Salón 12+1. Crucemos os dedos!

http://www.salondolibro.org/