20 feb 2012

Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra)

Aínda que está moi perto de nos, e foi inaugurado o pasado verán, pensamos que segue a ser moi pouco coñecido e que paga a pena facerlle unha visita aproveitando o bo tempo:

CAMPO LAMEIRO, BERCE ANCESTRAL DOS PETRÓGLIFOS DE GALICIA

O PAAR de Campo Lameiro pon ao teu alcance 4.000 anos de historia. Achégate á Idade do Bronce e descobre a maxia dos petróglifos
Situado en Campo Lameiro (Pontevedra), o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) é un equipamento cultural único para coñecer unha das máis características e primitivas manifestacións artísticas de Galicia: os petróglifos, signos e figuras gravadas nas rochas. A visita ao Parque Arqueolóxico desenvólvese a partir do acceso a tres espazos diferenciados: un suxestivo e innovador espazo expositivo situado no interior do Centro de Interpretación, a área arqueolóxica anexa, de 22 hectáreas de extensión, na que podemos pasear e observar un conxunto excepcional de estacións rupestres nunha paisaxe moi semellante á do seu contexto orixinal, e unha recreación dun pequeno poboado no que se evocan aspectos da vida cotiá dos nosos antepasados da Idade do Bronce.
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, entre as parroquias de Paredes e Praderrei, é a suma de dous recursos complementarios. Dunha banda, o Centro de Interpretación e Documentación, concibido como centro de referencia para a investigación e conservación dos nosos petróglifos e como un espazo para o ocio intelixente. O segundo recurso é unha extraordinaria paisaxe cultural, de case 22 hectáreas de extensión, na que se observa un importante conxunto de petróglifos. A execución do centro e o acondicionamento da área arqueolóxica foi financiada pola Consellería de Cultura e Turismo e polo Ministerio de Fomento con cargo ao 1% Cultural. A montaxe expositiva e as restantes inversións foron realizadas pola Consellería de Cultura e Turismo. O investimento acadou os 10,6 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia aportou 7,2, o 68% do total.


A proposta arquitectónica para o Centro de Interpretación concibe un edificio compacto, configurado a partir dun volume principal alongado, de 108 x 16 metros, que voa sobre o camiño de acceso ao parque. Construído en dous andares e de 3.500 m², o centro dedica o primeiro andar ao espazo expositivo –estable e temporal- e incorpora tamén a tenda e a cafetería. O segundo andar contará con espazos dedicados á investigación e documentación dos petroglifos de Galicia e con ámbitos funcionais máis específicos, como aulas e seminario.

Extraordinaria paisaxe
O parque de Campo Lameiro conta con 21,8 hectáreas de terreos de titularidade da Xunta de Galicia, que permiten gozar dunha extraordinaria paisaxe cultural. Máis de oitenta paneis con gravados rupestres sobre os que se veñen realizando desde o 2003 actuacións arqueolóxicas que inclúen prospección, escavación e reprodución, permiten contemplar os motivos e escenas máis salientables dos petróglifos galegos e, ao tempo, comprender os seus patróns de distribución espacial. O val medio do Río Lérez (Campo Lameiro e Cotobade) é unha zona rica neste tipo de patrimonio en canto á cantidade, calidade e variedade dos motivos e ás dimensións e complexidade dos paneis.

O paseo pola área arqueolóxica realizase a partir dunha rede de sendeiros acondicionados, debidamente sinalizados, que enlazan as distintas estacións rupestres, e complementase coa visita á recreación dunha aldea da Idade do Bronce, un espazo que se orienta á comprensión das actividades da vida cotiá dos nosos devanceiros.

No entorno do PAAR é posible visitar outros conxuntos rupestres que foron acondicionados para facilitar o acceso ao público: Campo de Matabois, Outeiro do Pan Trigo, Rotea de Mendo e Chan da Lagoa, en Campo Lameiro, e Fentáns no de Cotobade, así coma xacementos doutras épocas, como o castro de Penalba, e unha interesante arquitectura civil e relixiosa nas localidades inmediatas.

Información práctica

Horario do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Xeral
- De martes a domingo: 10.00 a 18.00 horas

Temporada alta (do 15 de xuño ao 31 de agosto)
- De martes a domingo: 10.00 a 20 horas
- Visita nocturna: 20.00 a 24.00 horas

Haberá visitas guiadas para grupos e visitas nocturnas con cea, previa inscrición na dirección reservas@paar.es.

Información e reservas: 986 696 066

Camiños de arte rupestre
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as áreas arqueolóxicas pontevedresas da Caeira (Poio), Tourón (Ponte Caldelas) e os petróglifos de Mogor (Marín) forman parte do Itinerario Cultural Europeo Camiños de Arte Rupestre Prehistórico, xunto a outras cen áreas europeas de grande interese científico, cultural e artístico.

Todos estes bens conformarán unha gran rede que permitirá desenrolar actividades conxuntas de estudio científico, formación de expertos, conservación, difusión sociocultural e turismo sostible. No seu conxunto ofrece ata 120 grandes destinos arqueolóxicos e rupestres de gran interese científico, cultural, artístico e arqueolóxico. Este itinerario foi promovido, desde 2008, pola Asociación Internacional Camiños de Arte Rupestre Prehistórico (A.I. CARP), e conta co apoio de 30 institucións e organismos oficiais de España, Francia, Portugal, Noruega, Italia e Irlanda

Patrimonio arqueolóxico
O parque da arte rupestre de Campo Lameiro nace cun conxunto de obxectivos que se concretan en: desenvolver mecanismos para a súa conservación e protección; deseñar estratexias para a súa rendibilidade social; xerar un instrumento adecuado para a súa divulgación; desenvolver estratexias para o seu rexistro e investigación a partir da creación de infraestruturas de documentación e investigación; e, finalmente, convertelo nun recurso patrimonial que incida no desenvolvemento sostible do territorio.

Atópase dentro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA), creada pola Consellería de Cultura e Turismo co fin de promover o patrimonio arqueolóxico galego. A rede contará con catro Parques Arqueolóxicos e Centros de Interpretación: o da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las en San Amaro/Punxín (Ourense), o do Mundo Romano de Lugo e o do Megalitismo da Costa da Morte (A Coruña). 

Máis información:    http://www.paar.es/queg.html 

                                   Programa didáctico en pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario