Entre outras cousas, CONFAPA-GALICIA convoca á folga
para as nais e os pais para o xoves día 18 de outubro.
CONFAPA-GALICIA considera que a gravísima situación
actual demanda unha resposta contundente do alumnado e as súas familias.
Estamos ante un ataque sen precedentes aos dereitos do alumnado e das familias,
con salvaxes recortes na educación pública que, no contexto actual, vense
agravados pola coincidencia con outras medidas igualmente inaceptables.
Iniciamos un curso escolar que supera con creces os
peores prognósticos; pensamos que chegou o momento de que o alumnado e as
familias, ademais de seguir a realizar mobilizacións conxuntas co resto da
Comunidade Educativa, eleven a súa voz para dicirlle ao Goberno Central
e ao goberno de Feijoo que está a seguir o seu camiño, que temos chegado a un
punto de non retorno, que non estamos dispostos a tolerar nin unha soa medida
máis.
Alumnos e pais estamos soportando recortes en todas as
partidas, que non fan outra cousa que castigar as xa maltreitas economías
familiares, abocando ao abandono educativo a moitos rapaces e rapazas por
cuestións económicas. É intolerable e debemos cambiar radicalmente as medidas
que se están a tomar.
Sobran os motivos, mais queremos subliñar especialmente
que o alumnado e as familias mobilizarémonos conxuntamente porque:
--Non aceptamos un novo cambio de Lei educativa. A
sociedade está xa cansa de que cada novo Goberno teime en modificar a
lexislación educativa, máxime se, como está a ocorrer agora, faise sen contar
cos diferentes sectores buscando cambiar o actual modelo social e satisfacer
consignas ideolóxicas.
--Non aceptamos mentiras para xustificar unha
reforma do sistema educativo, terxiversando datos e facendo xuízos de valor que
non están baseados en datos contrastados.
--Non aceptamos o desmantelamento da educación pública
para beneficio exclusivo da iniciativa privada, desviando os fondos
públicos para financiar empresas privadas da educación, moitas de dubidosa
legalidade que, incluso, atrévense a vulnerar a Constitución coa conivencia de
quen deberían cumprir e facer cumprir o marco legal vixente.
--Non aceptamos que se eliminen todo tipo de axudas ao
alumnado e ás familias, se incrementen as cotas e as taxas -aínda máis,
creándoas onde non existían- , incumprindo o mandato constitucional da
gratuidade do ensino e o dereito de acceso en igualdade de condicións.
2
--Non aceptamos que os irresponsables políticos que
nos gobernan sigan a insultar ao profesorado que ensina aos nosos fillos e
fillas, profesorado que goza do respaldo das familias e do alumnado co que
conviven a cotío, nun ataque sen precedentes contra a figura do funcionario
público e dos interinos, aos que se trata en ámbolos dous casos como se fosen
bonecos de feira, co único obxectivo de poñer a educación en mans da empresa
privada e, con iso, de precarizar a profesión docente.
En definitiva, alumnos e familias dicimos: ATA AQUÍ
CHEGAMOS e esiximos,
• O cese fulminante do Ministro Wert e de todo o seu
equipo
• A retirada inmediata do inaceptable anteproxecto de
reforma da LOE
• A paralización inmediata de todas as medidas de recorte
e desmantelamento do ensino público
• A apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso
real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa para buscar
entre todos o consenso preciso para mellorar, de verdade, o ensino público.
FACEMOS UN CHAMAMENTO ÁS FAMILIAS para que realicen o día
18 de outubro unha folga de nais e pais, consistente en deixar baleiros todos os centros educativos para defender
os dereitos dos nosos nenos e as nosas nenas.
Asemade, pedímosvos que facilitedes a posibilidade de
que, sos ou coa vosa compaña segundo as idades e maduración dos vosos fillos,
poidan estes participar nas manifestacións de estudantes a celebrar na mañá do
día 17 e, todos xuntos, facelo tamén nas que se levarán a cabo na tarde do día
18 nas distintas vilas e cidades de Galiza. Do mesmo xeito, pedimos que
formedes parte das Asembleas que se convoquen e dos piquetes informativos que
se realicen.
Chegou o momento de dar unha mensaxe clara sobre que as cousas
teñen chegado a un punto onde nunca tiveron que facelo. Non estamos dispostos a
que sigan por ese camiño.
CONFAPA-GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario